Comprácenos anunciar a publicación do libro amada Rosalía, que acaba de chegar do prelo, para entregalo á lectura de quen o desexe, e que é o punto de partida de Murabellos, o selo editorial que xa é unha realidade palpable, após ó enorme traballo que me supuxo chegar ata aquí para quen procura a excelencia sendo consciente de que endexamais se acada.

amada Rosalía contén 161 poemas que veñen a conmemorar o 161 aniversario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. O libro, que comecei a escribir no ano 2017 e rematei con 85 poemas no 2018, despois non o publiquei e ficou a espera dun novo tempo. No 2021 retomeino e seguín escribindo poemas, refacendo outros para procurar a súa musicalidade, estes poemas nacen para poñerlles música e seren cantados; tamén engadín algúns poemas coa forma do haiku, que tiña escrito nestes anos, todos dedicados á nosa escritora universal. A concepción dos poemas segue a idea que Rosalía tivo para escribir os seus Cantares gallegos (ela escollía estrofas populares para inspirar os seus poemas), e eu escollín un ou dous versos dos Cantares gallegos e de Follas novas, para inspirar os meus poemas. Mais, para min non era suficiente, quería ir máis alá e escribir poemas inspirados en versos (1, 2, ou 3 como moito), que outros poetas lle tivesen dedicado a nosa escritora, e quería que estivesen representadas todas as linguas peninsulares nesa escolla, galego, portugués, castelán, catalán e éuscaro, e por suposto, respectando nos meus poemas os textos nas súas linguas orixinais.
Se che presta este traballo, e queres algún exemplar de amada Rosalía, só tes que escribirme a murabellos@gmail.com e dígoche como tes que facer para mercalo. O prezo son 15 euros, e inclúe os gastos de envío ó territorio nacional (España); ás illas, Portugal e o resto de países, cómpre sumarlle os gastos de envío. Quedo ao teu dispor no enderezo do correo electrónico indicado, se así o desexas.